COMPOSTELA MÓVESE

II FORO ECONOMÍA SOCIAL INSPIRADORA: EMPRENDEMENTO COOPERATIVO

06/11/2017 O II Foro de Economía Social Inspiradora. Emprendemento Cooperativo ven a dar continuidade ás I Xornadas de Economía Social e Colaborativa realizadas con gran éxito de público no ano 2016 creando un espazo distintivo no CERSIA Empresa para a reflexión e a formación nas posibilidades da economía social e as novas economías centrada nas persoas como motores de cambio

II Foro de Economía Social Inspiradora. Emprendemento Cooperativo celebrarase o 28 de novembro en horario de 9:30 a 14:00 horas no CERSIA Empresa

Co foro o Concello de Santiago busca por unha parte, coñecer e recoñecer o traballo de empresas cooperativas con valores sostibles, igualitarios e solidarios, polo que se dará  visibilidade ás entidades que aparecen no Catálogo de entidades de economía social en Santiago de Compostela, realizado no ano 2016; e por outra parte , insistir na necesidade de colaborar dende as complicidades persoais para deseñar proxectos de colaboración que derive na coopetición de redes de persoas, profesionais e empresas.

No foro as persoas asistenten poderán coñecer e compartir as experiencias de cooperativas como a compostelá Numax, Premio da Cultura Galega 2016 na categoría de Audiovisual; Feitoría Verde ou Entrepedras. Tamén terán presencia as empresas de inserción laboral a través de Anaco, os proxectos de colaboración entre cooperativas e as asociacións que as representan coa participación da Unión de Cooperativas Espazocoop e da Rede de Economía Alternativa e Solidaria (REAS).

PROGRAMA:

9:30h RECEPCIÓN DE PARTICIPANTES


10:00h INAUGURACIÓN.

Presentación a cargo da Concelleirade Economía Social, Concha Fernández.


10:15h ECONOMÍA SOCIAL E SECTOR MEDIOAMBIENTAL. B
ea Miranda de Feitoría Verde

Feiroría Verde é unha cooperativa formada por catro mulleres, que entende a educación ambiental como unha ferramenta imprescindible na sensibilización e participación activa tanto no urbano coma no rural.

Como axentes de dinamización social, pretenden potenciar a capacidade de participación das persoas e colectivos, mellorando así a relación co medio ambiente. Conciben a educación ambiental como unha ferramenta para a participación, aprendizaxe mutua, intercambio de experiencias e valorización de recursos e prácticas endóxenas e innovadoras.

A Cooperativa aposta por unha economía social propiciatoria de melloras ambientais, que procura sinerxías e complementariedades entre proxectos e empresas. O seu obxectivo final é o de propiciar cambios sociais que melloren a percepción e actitude sobre o medio ambiente, integrando criterios éticos e de profesionalidade.

 

10:45h ECONOMÍA SOCIAL E SECTOR AUDIOVISUAL. Irma Amado e Ramiro Ledo. NumaxS. Coop. Galega.

Numax é unha cooperativa de traballo asociado e sen ánimo de lucro, formada por persoas procedentes de diversos ámbitos da creación e difusión cultural,que naceu co aval de case duascentas persoas, e queen 2015 obtén o recoñecemento ao mellor proxecto cooperativo por parte de Xunta de Galicia. Trátase dun cinema, unha libraría e un laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual.

É a única sala de cinema independente de Galicia que traballa só en versión  orixinal subtitulada, a primeira sala galega que fai parte da rede internacional Europa Cinemas, e o primeiro cinema en cooperativa de España.

O laboratorio é un estudio de deseño gráfico, comunicacións e posprodución de vídeo que ofrece os seus servizos a clientes externos.

A libraría conta cunha sección das novidades máis destacadas do panorama editorial, combinadas cun fondo de literatura, arte e pensamento.

NUMAX distribución estrea en toda España filmes contemporáneos de referencia que ata o momento non era posible ver en salas comerciais.

O grupo de socios está formado por Ramiro Ledo, Irma Amado, PabloCayuela, X. Carlos Hidalgo, Antonio Doñate, Xan Gómez, Mariña de Toro e Margarita Ledo Andión (socia colaboradora).


11:15h PAUSA –CAFÉ


11:45h ECONOMÍA SOCIAL E SECTOR HOSTALEIRO. Lucía Eiras. EntrepedrasS. Coop. Galega.

Entrepedras é un bar/ restaurante, que naceu como un proxecto destinado a ofrecer en Compostela cociña vexetariana e vegana a prezos económicos, nun bo ambiente e no que todo o mundo se puidese sentir coma na propia casa.


12:15h ECONOMÍA SOCIAL E A PERSPECTIVA CULTURAL. Clara R. Cordeiro. 7H Cooperativa Cultural.

7H é unha cooperativa de traballo asociado, adicada á creación e a xestión cultural, que nace para dinamizar colectivamente o traballo das súas socias e socios.

Os seus valores son os sete principios que rexen as cooperativas: adhesión libre e voluntaria, control democrático, participación económica dos socios, autonomía e independencia, educación, capacitación e información, cooperación entre cooperativas e compromiso coa comunidade
12:45h INTERCOOPERACIÓN NA ECONOMÍA SOCIAL. Cristina Labandeira. Proxecto: Galicia Economía Social creativa, O Cable Inglés. ana Lorenzo. Proxecto: Ben Mercado. A tenda da Economía Social Galega.

O Cable Inglés nace coa idea de dar resposta ás demandas culturais dun xeito integral. Fundada por tres mulleres en 2012, o obxectivo é propoñer solucións a medida, capaces de integrar cantos servizos sexan precisos para levar a bo termo cada experiencia cultural, xuntando as experiencias de tres profesionais especializadas en xestión, produción, deseño e comunicación.

O Cable inglés ofrece servizos de xestión cultural, deseño e comunicación dun xeito integral, desenvolvendo proxectos culturais sostibles e implicados co territorio e cos seus habitantes.

Funciona como unha cooperativa cultural de traballo asociado, onde cada unha das socias fundadoras aporta a súa experiencia nos eidos do deseño, a xestión, a produción e a comunicación; complementando esta bagaxe con achegas de socios colaboradores.

A cooperativa foi galardoada en xullo de 2013 co Premio aos Valores Cooperativos concedido polo Consello Galego de Cooperativas.

A tenda online da economía galega é unha plataforma común de venda en liña, na que entidades de economía social ofrecen os seus produtos e servizos ao público. En palabras dos seus fundadores “o que viría sendo como o Amazon da economía social galega”.

Unha plataforma que sirve para facilitar o acceso das entidades de economía social ao comercio electrónico, resolvendo de forma conxunta e profesionalizada os aspectos técnicos e de publicidade e marketing, necesarios para vender.

O mantemento e xestión son levados a cabo por un equipo profesional especializado: técnico informático, de comunicación e marketing, e de loxística para os envíos.

Este equipo confórmano cooperativistas do proxecto O Tendal, Luz para as túas ideas, no que están implicadas cinco cooperativas galegas: Cidadanía S. Coop Galega, MarketingTangible S. Coop Galega, O Cable Inglés S. Coop Galega, Ítaca Software Libre S. Coop Galega e Xedega S. Coop Galega.

13:15h ECONOMÍA SOCIAL E COOPETICIÓN POR FUSIÓN. Mar Pernas. Espazo Coop. AsierEpelde. Rede de Economía Alternativa e Solidaria (REAS)

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como unha asociación sen ánimo de lucro e ámbito galego. Está integrada por cooperativas de distintas clases, e inspirada nos principios cooperativos e os seus valores.

Ten como obxectivos agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

Espazocoop aspira a ser a entidade de referencia no ámbito do cooperativismo galego, no marco da economía social e solidaria, con vocación de influencia na sociedade e de transformación social, consolidando os valores e principios cooperativos e colaborando na consecución dunha economía baseada na primacía das persoas, o desenvolvemento sostible e a responsabilidade social.

Conta con tres oficinas: en Santiago, Coruña e Vigo.

 A Rede de Redes de Economía Alternativa e Solidaria fundouse no ano 1995, a raíz da transformación de ABSE (Asociación estatal para a banca social e ecolóxica), organismo no que estaba integradoABSE Galicia. No ano 2000 REAS pasou a ser unha rede a nivel estatal, formando ao mesmo tempo parte da mesma: REAS Galicia.

Actualmente REAS Galicia está formada por entidades pertencentes aos sectores de produción e transformación ecolóxica, comercialización de produto ecolóxico e comercio xusto, tecnoloxías da información e comunicación, deseño gráfico, bioconstrución, inserción sociolaboral, difusión, animación e produción cultural e educativa, así como artesanía e apoio ao cooperativismo.

REAS Galicia ten como obxectivos impulsar e apoiar unha rede de empresas solidarias que fomenten o respecto ás persoas e ao medio ambiente en todos os ámbitos (produción, comercialización, construción, servizos,...). Apoia, así mesmo, o desenvolvemento de recursos financeiros éticos e solidarios. Pretende difundir e dar a coñecer a Economía Solidaria na sociedade galega, e aumentar, na nosa comunidade, o tecido empresarial con características éticas e solidarias.

 13:45h PECHE DO FORO

Esta actividade encádranse dentro do programa Compostela Móvese 2017 de dinamización económica e na colaboración que o Concello de Santiago establece coa Rede Eusumo impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento e o desenvolvemento da economía social en Galicia

Dirixido a:

Persoas interesadas no desenvolvemento da economía social e no mundo do cooperativismo.

Persoas emprendedoras, empresariado, institucións e persoas consumidoras que queiran achegarse a coñecer a realidade do cooperativismo e as súas posibilidades de crecemento. 


Requisitos:

Inscrición no formulario desta mesma páxina


Custe:

Antividade sen custe


Estado da convocatoria: En prazo de inscrición

Compartir:
Economía Social compostela móvese emprender cooperativas participación