COMPOSTELA MÓVESE

ALMORZOS DO BO FACER

06/11/2017 Os “Almorzos do Bo Facer” nacen para crear un espazo de encontro onde as cooperativas poidan falar e ser escoitadas, poidan coñecerse entre elas e poidan deseñar proxectos colaborativos e de “coopetición” para mellorar as súas necesidades e que estas poidan reverter nunha mellora e beneficio no resto da comunidade. Contarán con estruturas diferentes xa que cada un terá obxectivos concretos.

1º ALMORZO FALA- ESCOITA: Venres, 20 de outubro, no CERSIA en horario de 9 a 11h

Neste primeiro almorzo creamos un espazo distendido, activo e de cohesión onde as cooperativas e resto de entidades presentes puideron expresar libremente as súas opinións de cara á creación dun listado de propostas e ideas colaborativas e cooperativas que mostrar ao Concello e que poidan favorecer e fortalecer o sector da economía social compostelá.

Falamos do concepto de economía social e analizamos os factores que condicionan en positivo e en negativo o seu desenvolvemento na área de Compostela. A falta de visibilidade das iniciativas que operan no sector da economía social, as dificutades para acceder aos contratos públicos, a normativa europea que favorece as contratacións en materia de economía social por parte das administracións públicas, a relación coa comunidade da que fai parte unha cooperativa... foron algúns dos temas tratados e dos que partiremos, entre outros, para o deseño e concreción de ideas do vindeiro almorzo. INSCRÍBETE E PARTICIPA! 

2º ALMORZO DESEÑA: Martes, 31 de outubro,no Matadoiro en horario de 9 a 11h

Neste segundo almorzo centrarámonos no deseño e concreción de ideas ou esbozos de proxectos de carácter colaborativo que poidan funcionar como solucións ou alternativas ás cuestións xurdidas no primeiro. 

Como resultado deste segundo almorzo obtivemos distintas fichas de propostas que continuaremos a traballar no terceiro almorzo. 

Neste segundo almorzo participaron máis persoas, proxectos e entidades das que participaron no almorzo inicial. Algunha cooperativa que non puido acudir presencialmente, achegounos por correo electrónico as súas propostas para que puideramos estudalas.

3º ALMORZO RESPONDE: Martes, 14 de novembro, no Auditorio de Galicia en horario de 9 a 11h

En Responde a idea é mostrar proxectos que poden dar resposta ou ser de aplicación para algunhas das necesidades que saíron nos almorzos anteriores.

Todas estas ideas e proxectos virán da economía social galega, e na medida do posible de Compostela e serán de aplicación e utilidade para as cooperativas participantes dando respostas ás cuestións xurdidas, desde diferentes ópticas da economía social e fórmulas próximas a esta.

4º ALMORZO PROXECTA: Martes,5 de decembro,na Sala Númax, en horario de 10 a 12h

Neste último almorzo e como peche dos almorzos proponse presentar os proxectos ou propostas colaborativas ao Concello de Santiago de Compostela , por un lado como resultado dos almorzos pero por outro co gaio de que poidan ser estudadas para un posible apoio dende o propio concello na súa programación de accións para o ano 2018

Estado da convocatoria: En prazo de inscrición

Compartir:
Economía Social compostela móvese emprender cooperativas participación