• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

'Utópicas', un proxecto para transformar Compostela desde a arte

Data de escritura

Ata o 11 de maio está aberta a convocatoria de colaboradoras/es destinada a conformar comunidades de aprendizaxe e creación artística e colaborar nas cinco ideas preseleccionadas dun total de trinta proxectos. Producido polo Auditorio de Galicia e deseñado por 7H Cooperativa Cultural, esta iniciativa reivindica a importancia da cultura para fomentar vínculos comunitarios.

Imaxe da rolda de prensa de presentación de "Utópicas"

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta mañá na Casa do Concello 'Utópicas, arte e territorio', un proxecto para transformar Compostela desde a arte. A presentación contou tamén coa presenza de Clara Rodríguez e Sara Alonso como representantes de 7H Cooperativa Cultural. "Utópicas. Arte e Territorio", é un proxecto producido polo Auditorio de Galicia e deseñado e coordinado por 7H Cooperativa Cultural que reivindica a importancia da cultura para fomentar vínculos comunitarios.

O proxecto botou a andar o pasado mes de marzo propoñendo unha convocatoria de ideas aberta á cidadanía a que se presentaron trinta propostas das que foron cinco as seleccionadas. O obxectivo é situar á cidadanía de Compostela no centro da produción artística e comisarial e converter a institución nun lugar de participación, pensamento e acción cultural.

Para logralo 'Utópicas' propón explorar e reflexionar seguindo o formato dos laboratorios cidadáns. É a veciñanza da cidade a encargada de aportar as idea e de executalas. No mes de outubro, o traballo trasladarase a unha exposición de autoría compartida na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia.

Ideas seleccionadas

As 30 candidaturas recibidas, todas de grande valor e vinculadas a distintos eixes temáticos (como as identidades, os feminismos, a memoria colectiva, a loita social ou as ruralidades) teñen xerado interese especialmente no tecido asociativo, tanto veciñal, como cultural e activista.

As cinco seleccionadas foron estas:

- Corpos en Resistencia. Laboratorio de reflexión e creacioón arredor da migración. Idea que busca visibilizar e reivindicar as identidades e vivencias das persoas migrantes e/ou racializadas da cidade desde os seus propios relatos e subxectividades.
- Rúas da memoria. Laboratorio de recuperación, transmisión e difusión da herstoria compostelá. Idea que busca resignificar as rúas e os espazos da cidade para reivindicar a memoria histórica de Compostela desde os feminismos.
- Libros que fan barrio. Laboratorio de deseño e creación de minibibliotecas de rúa. Idea que busca articular espazos públicos de sociabilidade, repouso e comunidade na área do barrio de San Pedro.
- Percorrendo a memoria. Laboratorio de mapeado colaborativo e recollida de saberes domésticos arredor da biografía colectiva. Idea que busca poñer en valor a experiencia das mulleres maiores (+70 anos) e a súa participación nos cambios sociais e culturais do barrio dos Concheiros – As Fontiñas.
- Na procura dun bosque. Laboratorio para transformar o espazo urbano desde os coidados e o xogo libre. Idea que busca recuperar a cidade para a infancia, ponñendo en valor os espazos verdes de Compostela e integrando a perspectiva lúdica e os coidados na análise do territorio.

Convocatoria
A Convocatoria de colaboradoras/es destínase a conformar comunidades de aprendizaxe e creación artística responsables de transformar colaborativamente as cinco ideas propostas en proxectos artísticos concretos. As bases da convocatoria poden descargarse na web de Compostela Cultura.

Calquera persoa interesada en participar neste proceso de creación comunitaria pode inscribirse mandando un correo electrónico a utopicas@7hcoop.gal ata o 11 de maio. Terán que indicar cal das cinco propostas é a do seu interese ou priorizar a orde, se elixe varias. Só teñen que ser maiores de idade, sen importar o seu ámbito de experiencia ou grao de especialización e non é necesario contar con coñecementos artísticos.

Elixiranse un máximo de 10 colaboradores/as por proxecto e procurarase garantir, nesta selección, unha diversidade e pluralidade representativa do contexto compostelán, de forma que os grupos conformados sexan o máis heteroxéneo posible.

Nos meses de maio a setembro desenvolveranse cinco sesións de traballo para o deseño e prototipado das cinco ideas propostas. E despois nos meses de outubro a novembro, as vivencias, procesos e creacións xurdidas trasladáranse a unha proposta expositiva na Sala Isaac Díaz Pardo.