Óptica Val e a Asociación ASPAS, protagonistas da campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” no mes de novembro
A campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” chega en novembro á Óptica Val, que dedicará o mes a visibilizar o traballo de ASPAS, a Asociación de Nais e Pais con Discapacidade Intelectual. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe as actividades, acompañada por Javier García Sánchez, de ASPAS, e da responsable do establecemento, Ana Carrillo Val.
A tenenta de alcaldesa puxo en valor o traballo que vén desenvolvendo a Asociación de Nais e Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual, que cumprirá 60 anos en 2027. María Rozas lembrou que “ASPAS axuda a mellorar a vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, ofrecéndolles apoio educativo, laboral e social, facilitando a súa inclusión e autonomía, e promovendo o respecto á diversidade; un traballo que coñecemos ben no concello porque esta é unha entidade coa que mantemos unha colaboración estable desde o departamento de Servizos Sociais”. A concelleira tamén agradeceu “o compromiso social de Óptica Val, que é un establecemento que axuda a facer barrio”.
Javier García Sánchez aproveitou a súa intervención para agradecer a campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, “porque axuda a vincular diferentes actores sociais que son moi importantes na cidade, en porque nos permite difundir o traballo de ASPAS, que malia a súa longa traxectoria pode ser descoñecido para moitas persoas que non tiveron a necesidade de recorrer á asociación”. Tal e como explicou, a entidade xestiona na actualidade con dúas residencias, un centro de día e un servizo ocupacional, e tamén conta cun centro especial de emprego que se ocupa do mantemento de diferentes zonas verdes en Santiago.
Actividades da campaña
No marco da campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, Óptica Val acollerá un punto informativo sobre o traballo de ASPAS, onde se poderán adquirir tamén produtos solidarios. Ademais, nas tardes dos venres de novembro haberá diferentes obradoiros, pensados fundamentalmente para a xente máis nova, para a elaboración de abalorios, cestería e xabóns. No mércores 26 tamén está prevista unha batukada solidaria na Praza Roxa.







