• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

SUBVENCIONS PARA A PARTICIPACION DE PROFESIONAIS DA CREACION LITERARIA GALEGA EN RESIDENCIAS LITERARIAS FORA DE GALICIA

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 26 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de profesionais da creación literaria galega en residencias literarias fóra de Galicia, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT215D).

Esta convocatoria ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións para estadías en residencias literarias que se realicen fóra de Galicia, dirixidas a profesionais da creación literaria galega para fomentar a difusión da cultura galega e o impulso de relacións de cooperación con outros organismos e centros culturais de referencia (código de procedemento CT215D).

As estadías terán como finalidade que as persoas creadoras realicen a tradución das súas obras, que a súa estadía sexa necesaria para o proceso de investigación previo á creación da obra obxecto da residencia ou que precisen dun espazo e ambiente de traballo que lles permita continuar co desenvolvemento dun proxecto xa iniciado.

Documentación requerida

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa ou entidade que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Proxecto de creación segundo o estipulado no artigo 8.2.

c) Documentación, debidamente formalizada, acreditativa da aceptación de participación na residencia para cuxa estadía solicita a subvención.

d) De ser o caso, documentación, debidamente formalizada, acreditativa do compromiso de edición da obra resultante do proxecto presentado por parte dunha editora legalmente constituída (contrato de edición ou calquera outro documento acreditativo).

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Persoas físicas que interveñan no proceso de creación do libro nos correspondentes labores de escritura, tradución, deseño gráfico e ilustración do libro que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

Considéranse persoas creadoras as definidas polo artigo 5.1 da Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia: as que interveñen no proceso de creación do libro nos correspondentes labores de escritura, tradución, deseño gráfico e ilustración do libro.

Requisitos

As persoas solicitantes deben estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Requisitos de participación

1. As persoas solicitantes deberán contar coa aceptación expresa de participación na residencia para a cal soliciten a axuda a través desta orde.

2. As persoas solicitantes presentarán un proxecto de creación por estadía na residencia para a cal soliciten subvención.

Proxecto de creación. Documento que non exceda as 10 páxinas, e que deberá incluír:

– Título e texto explicativo do proxecto literario que desenvolverá na residencia (proposta de proxecto creativo que desenvolverá durante a súa residencia).

– Perfil da entidade ou institución onde vaia ter lugar a residencia para a cal solicita a axuda.

– Curriculum vitae resumido da/do creadora/or. Perfil da persoa creadora candidata.

– Expediente artístico. Os/as creadores/as poderán achegar información sobre outros traballos.

– Carta de motivación.

– Alcance do programa respecto ás prestacións técnicas, aspectos formativos e práctica creativa e/ou de investigación, de ser o caso.

– Obxectivos que espera conseguir.

– Orzamento desagregado por partidas ou conceptos que inclúa calquera gasto que xere a intervención (impostos incluídos). Non poderán ser incluídos os gastos de edición.

As persoas beneficiarias da subvención deberán garantir as seguintes características nas obras resultantes da estadía en réxime de residencia:

a) Idioma. As obras resultantes das estadías en réxime de residencia obxecto de subvención deberán estar correctamente realizadas en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e nas Normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega).

b) Propiedade intelectual. As persoas participantes responderán da orixinalidade e autoría dos proxectos obxecto de subvención e deberán garantir que posúen lexitimamente todos os dereitos de propiedade intelectual sobre eles e, neste sentido, garanten o uso pacífico por parte das entidades organizadoras eximíndoas de calquera responsabilidade por danos e perdas que, directa ou indirectamente, o incumprimento pola súa parte desta garantía poida ocasionar.

c) Difusión da actividade desenvolvida durante os períodos de residencia. As persoas creadoras beneficiarias comprométense a mencionar que parte do desenvolvemento da obra tivo lugar durante o período de residencia subvencionada pola Xunta de Galicia.