• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Concellaría de Promoción Económica e a Cámara de Comercio colaboran no fomento do espírito emprendedor e a mellora da competitividade das empresas

Data de escritura

O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a Cámara de Comercio colaboran un ano máis na posta en marcha de diferentes actividades de información e formación para fomentar o espírito emprendedor e mellorar a competitividade das empresas de Compostela. Ese é o obxectivo do convenio presentado hoxe pola tenenta de alcaldesa, María Rozas, a presidenta da Cámara de Comercio, María Pais, e a secretaria xeral da Cámara, Rosa Mary Cardeso. O Concello destina a este programa un orzamento de 75.000 euros.

tenenta de alcaldesa, María Rozas, a presidenta da Cámara de Comercio, María Pais, e a secretaria xeral da Cámara, Rosa Mary Cardeso

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude explicou que este convenio “dálle continuidade á colaboración que veñen mantendo o Concello e a Cámara de Comercio, dentro do obxectivo común de impulsar o desenvolvemento económico local”. María Rozas apuntou que, para iso, a Cámara de Comercio ofertará ao longo de todo o ano “distintas actividades que pretenden cubrir todo o ciclo de vida do emprendemento, desde o fomento das vocacións empresariais ata a apertura a mercados internacionais, pasando pola análise da viabilidade dos proxectos”.

Pola súa banda, a presidenta da Cámara de Comercio agradeceu ao Concello “a confianza depositada na actividade da Cámara” e abogou porque “o emprendemento e a consolidación das empresas se sitúen no centro das políticas públicas”. María Pais tamén puxo en valor o papel da Cámara de Comercio, coa que o Concello leva dúas décadas colaborando de forma intensiva. 

O convenio entre a concellaría de Promoción Económica e a Cámara de Comercio está, aliñado cos obxectivos da Axenda Urbana 2030 e forma parte das accións do Programa Municipal Feito en Santiago, que promove un modelo de desenvolvemento económico local baseado na identidade territorial, a sustentabilidade e a innovación.

Eixos de actuación

O convenio prevé o desenvolvemento de diferentes actividades, con tres obxectivos fundamentais: fomentar a cultura e as capacidades emprendedoras, apoiar a creación de empresas, e contribuir á consolidación empresarial. 

Partindo desas liñas estratéxicas, establécense cinco eixos de acción:

  • Fomento da cultura emprendedora: desenvolveránse xornadas nos centros educativos para fomentar a cultura emprendedora desde idades temperás e divulgar que o autoemprego pode ser unha alternativa viable. Tamén haberá accións no Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio, para que a poboación moza poida coñecer de primeira man diferentes experiencias reais de emprendemento. Prevese que máis de cen alumnos e alumnas participen nestas actividades
  • Formación das capacidades emprendedoras: serán programas formativos orientados a impulsar o emprendemento como saída profesional entre persoas desempregadas ou que procuren unha mellora profesional, con especial atención a colectivos vulnerables (mulleres, xente moza, desempregadas maiores de 45 anos…) Ao longo do ano haberá 12 accións formativas, que abarcan dende tarefas administrativas ata o uso da intelixencia artificial ou redes sociais, están adaptados a sectores con potencial e necesidades detectadas, co fin de potenciar a creación e consolidación de empresas viables e innovadoras.
  • Programa Emprendedoras: trátase dunha liña de apoio ao emprendemento e á actividade empresarial das mulleres, que contempla o asesoramento por parte da Cámara de Comercio en todas as fases do desenvolvemento dun proxecto empresarial, desde o estudo de viabilidade  ata a procura de financiamento. Ademais da atención presencial e personalizada, nesta acción inclúese o portal  http://empresarias.camara.es/ desde onde se responde ás consultas nun tempo inferior a 48 horas. Prevese que ao longo de 2025 máis de 200 mulleres se beneficien deste servizo, que ten como obxectivo facilitar a igualdade de oportunidades e incrementar o número de empresas lideradas por mulleres..
  • Coworking dixital Compostela: céntrase na transformación dixital de emprendedores, autónomos e pemes para mellorar a súa competitividade empresarial. Deste servizo beneficiaránse máis de 150 emprendedores e empresas neste ano.
  • Área de internacionalización: é un servizo de asesoramento para empresas que desexen medrar e internacionalizarse, en cuestións como a documentación necesaria, aranceis, fiscalidade, transporte internacional, feiras comerciais, ou axudas institucionais para a promoción e investimento no exterior. Nesta anualidade está previsto que case 650 empresas demanden os servizos da Camara nesta área.

Balance de 2024

A presidenta da Cámara de Comercio aproveitou a presentación do convenio para dar conta dos resultados do acordo en 2024. Tal e como explicou María Pais, as xornadas de fomento do espírito emprendedor chegaron a 134 alumnos e alumnas; impartironse 6 cursos de mellora das capacidades emprendedoras nos que participaron máis de 50 persoas, e 200 mulleres emprendedoras e empresarias requiriron o asesoramento da Cámara. Delas, déronse de alta preto de 50 novas empresas.

Os servizos de formación e asesoramento nos procesos de transformación dixital chegaron a 137 emprendedores e emprendedoras, atendéronse case 1.000 consultas na área de internacionalización, e preto de 200 persoas obtiveron apoio e asesoramento na procura de financiamento para as súas empresas.

As persoas interesadas en participar nas actividades recollidas neste convenio poden obter máis información dirixíndose ao CERSIA Empresa a través do teléfono 981542493 ou no correo electrónico cersia@santiagodecompostela.gal. Tamén poden contactando coa Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela.