• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O comercio local volve ser unha festa: o “Prima 25” celebrarase os días 5, 6 e 7 de xuño

Data de escritura

A festa do comercio local “Prima 25” celebraráse do 5 ao 7 de xuño e encherá as rúas de música, pasarrúas e propostas de animación infantil. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe a programación “que quere animar as vendas no pequeno comercio, poñer en valor a experiencia de compra presencial nos establecementos de barrio, e atraer novos perfís de clientela”. A tenenta de alcaldesa fixo unha chamada ao tecido comercial a sumarse á festa sacando os seus produtos á rúa e adornando os seus establecementos e escaparates para a ocasión.

María Rozas reiterou o compromiso do Concello co comercio de proximidade

María Rozas reiterou o compromiso do Concello co comercio de proximidade “porque son os establecementos de barrio os que axudan a facer cidade, os que contribúen a construír a nosa identidade, e os que tecen comunidade”. Este compromiso, explicou, tradúcese en propostas de dinamización como o evento “Prima 25”, que xa se tén consolidado, ou como os programas específicos do Nadal, “pero tamén no reforzo da campaña dos Bonos Corazón, á que este ano destinaremos un total de 600.000 euros en dúas quendas, a primeira delas xa en marcha”-

Programación do Prima 25

O “Prima 25” comezará o xoves 5 de xuño, con pasarrúas musical polo Ensanche, a cargo de Brassica Rapa a partir das 18.00 horas. Ao día seguinte, María Faltri presentará o seu espectáculo musical “Soñando inventei” en Conxo, a partir das 18.00 horas, e a esa mesma hora, a compañía Pedras de Cartón levará o seu espectáculo “Moby Dick” na Praza Roxa. Tamén na Praza Roxa, a partir das 19.00 horas a compañía Golfiños presentará o seu espectáculo “Silforiña”, que combina música e narración. Por último, por San Pedro e Fontiñas haberá pasarrúas a cargo de Paporrubio coa súa “Transhumancia sonora”, un grupo animais cabezudos acompañados por dous músicos que no seu percorrido interpretan diferentes escenas dramáticas, cómicas e coreográficas.

Na xornada do 7 de xuño están previstas diferentes actividades ao longo de todo o día. Unha delas será a exhibición de ourivería que terá lugar na Praza do Obradoiro, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. No eido das artes escénicas haberá dúas propostas: Inventi Teatro con “A Libraría Máxica”, ás 12.00 na Praza Roxa; e AS Sircópatas con “Rogelio III. La fête”, ás 18.00 horas na praza do Toural. En canto á música, haberá dous concertos na praza de Feixóo: Catuxa Salom, ás 13.00 horas; e Abril, ás 20.00 horas. O programa do día complétase cos pasarrúas de Tanto nos Ten, ás 12.00 horas polo Ensanche e a Praza de Abastos.

Ruleta de agasallos

No “Prima 25” non faltará a xa tradicional ruleta de agasallos “Eu merco aquí”, que estará instalada o venres pola tarde na praza Roxa, en horario de 17.00 a 19.30 horas;  e o sábado pola mañá na praza do Toural, de 11.30 a 14.00 horas. Nela poden participar todas as persoas maiores de 16 anos que presenten un tícket de compra do comercio de Santiago de importe igual ou superior a 5 euros, realizada entre o 2 e o 7 de xuño de 2025.

Participación activa do comercio

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, convidou aos e ás comerciantes “a sumárense á festa, sacando os seus produtos ás beirarrúas, adornando as súas tendas para a ocasión, e difundindo a cartelería para informar á súa clientela da programación”. María Rozas lembrou tamén que o Concello, como en anos interiores, distribuirá bolsas coa imaxe da campaña #EuMercoAquí, que se entregarán de balde ao comercio local a través das asociacións de comerciantes da cidade. Ademais, de maneira presencial repartiránse carteis e folletos coas actividades do “Prima 25”, que tamén se pode consultar na web www.comerciolocalsantiago.gal.