A Rede de Entidades de Desenvolvemento Local, presidida por Santiago, incorpora novos socios na súa Asamblea Xeral
A Rede de Entidades de Desenvolvemento Local, que nestes momentos preside Santiago, vén de celebrar a súa Asamblea Xeral no municipio tarraconense de Falset. Na xuntanza aprobouse a incorporación de novos socios a REDEL: os concellos de Alzira, Torrelavega, Oropesa del Mar e San Cristóbal de La Laguna.

Coas novas incorporacións, de REDEL forman parte da xa 40 entidades que representan a unha poboación de máis de 24 millóns de habitantes. A Rede de Entidades de Desenvolvemento Local tamén aprobou a memoria e o peche do pasado exercicio na Asamblea Xeral, ao redor da que a Deputación de Tarragona organizou unha intensa axenda en torno á chamada “silver economy”. A economía prateada promove a innovación e especialización no territorio transformando rexións, revitaliza zonas rurais mediante turismo senior e novos modelos residenciais, e fomenta iniciativas interxeracionais e de gobernanza participativa. O foro serviu como espazo de reflexión sobre o reto da despoboación e as oportunidades da economía prateada, convertendo o envellecemento nunha oportundade para a cohesión e a especialización territorial sustentable.
REDEL xurdiu como resposta á necesidade de colaborar e traballar entre axencias locais para ampliar os coñecementos adquiridos pola experiencia de cada entidade socia e innovar e desenvolver proxectos conxuntamente. Naceu no ano 2007 como Rede de entidades expertas en desenvolvemento local que traballa para a mellora continua das organizacións a través da reflexión, a xestión do coñecemento e a colaboración; formada por un conxunto de Axencias de Desenvolvemento Económico Local e organizacións que promoven o seu traballo en rede en distintos territorios. REDEL quere destacar o papel das políticas de desenvolvemento económio local nas últimas tres décadas en ámbitos como a promoción do espírito emprendedor, a mellora das posibilidades de acceder a un emprego, especialmente para colectivos desfavorecidos, o fortalecemento dos sistemas produtivos locais, ou a dinamización comercial.