O Concello de Santiago activa un proceso colaborativo para impulsar a economía social desde a proximidade
A sesión de presentación do Plan de Acción marcou o inicio dun camiño compartido para construír unha cidade máis xusta e sostible. A xornada reuniu entidades do ecosistema local para debater prioridades e retos estratéxicos de futuro. O encontro, celebrado no CERSIA Empresa, serviu para validar o documento inicial e lanzar unha folla de ruta baseada na cooperación.




Esta mañá, no CERSIA Empresa, tivo lugar a primeira xornada participativa do proceso de codeseño do Plan de Acción para a Economía Social nos Barrios de Compostela, unha iniciativa impulsada polo Concello de Santiago a través da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude. A sesión contou coa presenza da concelleira María Rozas e reuniu a unha ampla representación do ecosistema de economía social da cidade.
Durante a apertura da xornada, Rozas sinalou que “en Santiago temos moitísimo potencial vinculado á economía social”, lembrando que “existen centros de cooperativas, sociedades laborais e centros especiais de emprego que son a semente perfecta para impulsar algo ambicioso desde o Concello.” Subliñou tamén que a razón de fondo deste impulso institucional é que “compartimos os valores que promove a economía social: poñer as persoas no centro, por riba do capital, e apostar por un modelo económico diferente, máis xusto e sostible.”
Durante o encontro, presentouse o documento base do plan, que propón unha folla de ruta para fortalecer o modelo de economía social en Compostela desde unha perspectiva de proximidade, inclusión e sustentabilidade. O texto inclúe unha análise actualizada do contexto internacional, estatal e galego, e formula tres eixes estratéxicos: mellora da competitividade das entidades, aumento da visibilidade social e reforzo da contorna para o seu desenvolvemento.
A xornada serviu como punto de partida dun proceso aberto, colectivo e colaborativo que se desenvolverá ao longo dos próximos meses. As persoas participantes traballaron en grupo para identificar prioridades, achegar propostas e debater sobre os retos actuais do sector, incorporando novas ideas ao documento inicial. O ambiente estivo marcado pola vontade de cooperación e pola aposta común por un modelo económico centrado nas persoas e comprometido co territorio.
Rozas destacou que “desde o goberno municipal entendemos que a participación é clave para construír calquera iniciativa”, e que neste caso, máis ca nunca, “non había outra forma de facer un plan de economía social que non pasase por escoitar os axentes principais da cidade, as súas valoracións, as súas necesidades e demandas.” En palabras da concelleira, esta implicación directa das entidades é imprescindible para que o plan non sexa un documento estático, senón unha ferramenta viva, útil e compartida.
Esta iniciativa forma parte do programa “Feito en Santiago 2025” e está enmarcada na estratexia EDUSI Compostela, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O obxectivo final é dotar á cidade dunha ferramenta útil e compartida para a planificación e promoción da economía social, aliñada coa Axenda Urbana 2030 e cos retos locais, como a transición ecolóxica, a igualdade de xénero ou o envellecemento demográfico.
O proceso continuará con novas sesións participativas a vindeira, o 8 de xullo, no CERSIA Empresa, e accións de comunicación que visibilicen o papel das entidades da economía social na transformación da cidade.