• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A alcaldesa Goretti Sanmartín sitúa a Cámara de Comercio como “panca importantísima” para a competitividade das empresas de Santiago e comarca

Data de escritura

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada da tenenta de alcaldesa e concelleira de Promoción Económica, María Rozas, participou este xoves na presentación da memoria de actividades da Cámara de Comercio de Santiago. Na súa intervención, destacou o labor que fai a Cámara de Comercio de Santiago e comarca con respecto ao tecido e o desenvolvemento económico de Compostela e a súa contorna. “A Cámara revélase como unha panca importantísima para que as nosas empresas alcancen os niveis de competitividade que require o contexto actual, cada vez máis globalizado”, enfatizou.

Na súa intervención, destacou que a Cámara de Comercio é unha “entidade que non fai que non fai ruído, que traballa en colaboración con todas as administracións, que dá servizo a empresas de moi diverso ámbito e tamaño, dialogando e propoñendo, sen xerar polémicas que poderían ser efectistas pero que resultan estériles”.

“Nas memorias da Cámara encontraremos o soporte que esta entidade presta á internacionalización dos nosos emprendementos, a formación que organiza, o labor de incubadora para novos proxectos, a dinamización do comercio local ou os espazos en que presta o seu asesoramento”, destacou. 

Ademais, Goretti Sanmartín Rei defendeu que “a Cámara confírmase, máis ca nunca, como entidade fundamental no impulso ás nosas empresas e ao seu desenvolvemento”. “É, por iso, unha entidade coa que o Concello mantén un alto nivel de colaboración e de diálogo permanente”, enfatizou. 

A alcaldesa de Santiago explicou que a Administración municipal comparte con esta entidade “moitos dos seus  obxectivos: a sustentabilidade, a diversificación do noso tecido económico, o aumento da competitividade con criterios de calidade do emprego ou unha maior responsabilidade corporativa”. Neste sentido, apelou a que todos estes obxectivos “esixen tamén compromisos colectivo, da sociedade e das institucións, como o require o dereito a unha información rigorasa e veraz”, manifestou.

Goretti Sanmartín concluíu a súa intervención ratificando o compromiso do Concello coa defensa destes obxectivos, que son “os de Compostela”, a carón da Cámara, “acollendo as súas propostas e ideas e, na medida das posibilidades, colaborando con elas”.