• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Plan Integrado de Emprego do Concello de Santiago remata con máis dun cento de mulleres participantes e unha inserción laboral de case o 50%

Data de escritura

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, foi a encargada de clausurar hoxe o Plan Integrado de Emprego do Concello de Santiago, no que participaron máis dun cento de mulleres na procura da súa inserción laboral. Preto da metade lograron ese obxectivo, grazas a un programa que inclúe titorías individualizadas, cursos formativos, ou mesmo prácticas en empresas.

O Programa Integrado de Emprego pretende mellorar a empregabilidade das persoas participantes e axudalas a desenvolver as súas competencias desde unha perspectiva ampla e integral, reforzando a súa autonomía. Para iso, ao seu abeiro desenvolvéronse nos últimos meses diferentes accións, tanto de carácter individual como colectivas, nas que participaron un total de 102 mulleres que asistiron a un total de 469 titorías ou outras intervencións individualizadas.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, foi a encargada de clausurar hoxe o Plan Integrado de Emprego do Concello de Santiago

En total, impartíronse 20 cursos distintos que supuxeron case 500 horas de formación en temáticas tan diferentes como intelixencia emocional e traballo en equipo, inglés profesional, servizo de facturación e atención á clientela, empoderamento feminino no ámbito laboral; manipulación de alimentos ou ofimática. 

No marco do Plan Integrado tamén se veñen impulsando prácticas en empresas. Nelas participaron un total de 47 persoas que realizaron máis de 3.000 horas de prácticas en 43 empresas. Os postos máis demandados para esta parte da formación foron os de recepcionista de hostel, caixeira e administrativa. Das persoas que fixeron prácticas durante o Plan Integrado de Emprego, oito conseguiron a súa inserción laboral nesas empresas.

Inserción laboral

O 46% das mulleres participantes do Plan Integrado de Emprego conseguiron a súa inserción laboral durante máis de 100 días; e o 56% lograron cando menos un contrato. 

Ademais, o programa logrou outro dos seus obxectivos, que é o empoderamento como profesionais das mulleres participantes, a maioría delas que veñen de sufrir paróns na súa vida profesional por dedicarse ao coidado dos fillos e fillas, pais e nais ou outras persoas dependentes.  Nese sentido, o Plan Integrado de Emprego e a realización de prácticas profesionais non laborais ao seu abeiro permite tamén que as mulleres poidan aumentar a súa confianza, aplicar os seus coñecementos en contextos reais, desenvolver as súas habilidades técnicas e sociais e comprender mellor o mundo laboral.