O Concello impulsa un plan de formación en seguridade alimentaria e facturación electrónica dirixido ao sector hostaleiro
O Concello de Santiago, a través do departamento de Promoción Económica, pon en marcha un plan de formación dirixido ao sector da hostalería, co obxectivo de apoiar a súa modernización, incrementar a súa competitividade, e reforzar o valor engadido das empresas hostaleiras. O programa atenderá a dúas cuestións fundamentais: a seguridade alimentaria e a transformación dixital.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou o plan nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo presidente da asociación Hostalaria.gal, Lois Lopes, e por Eduardo Troncoso, representante da empresa encargada da formación e experto en seguridade alimentaria. A tenenta de alcaldesa explicou que o obxectivo do programa “é contribuir a fortalecer a competitividade e a calidade das pemes e as microempresas da hostalería, un sector que é fundamental para a economía de Santiago e que conta con case 1.300 persoas asalariadas”.

O programa presentado hoxe centrarase en tres cuestións clave para o sector hostaleiro, nas que houbo modificacións lexislativas recentemente: a adaptación ao regulamento Verifactu, a mellora da calidade e seguridade alimentaria mediante a implantación do sistema de Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico (APCC); e a adaptación á Lei 1/2025 de prevención das perdas e desperdicio alimentario. O presidente de Hostalaria.gal, Lois Lopes, salientou que “a formación estará perfectamente adaptada para a hostalería, tanto nos contidos como mesmo nas xornadas e horarios elixidos para impartila tendo en conta as necesidades específicas do sector e co obxectivo de que sexa accesible para as persoas responsables e encargadas dos establecementos, pero tamén para as persoas traballadoras”. Tamén puxo en valor que “este plan dalle continuidade a outras colaboracións que xa mantivemos co Concello, como a campaña por unha hostalería sustentable, impulsada polo departamento de Turismo”.
Facturación electrónica
O Regulamento Verifactu, aprobado no Real Decreto 1007/2023, do 5 de decembro, introduciu a obrigatoriedade da facturación electrónica para todas as empresas. No mes de xullo rematou o prazo límite para aplicar este cambio, que transforma a xestión documental e financeira das empresas e resulta especialmente complexo no caso das pemes e das microempresas.
A través deste plan, a Concellaría de Promoción Económica ofrecerá formación especializada aos empresarios e profesionais da hostalería, para que coñezan as obrigas lexislativas, saiban manexar a plataforma Verifactu e poidan aproveitar as oportunidades que ofrece a dixitalización para os seus negocios.
A formación relacionada co regulamento Verifactu impartirase de maneira presencial no edificio Cersia de San Lázaro, en grupos de cinco persoas para garantir unha atención máis personalizada. Para facilitar a participación, haberá cinco quendas de formación en horario de mañá e outras tantas en horario de tarde.
Calidade e Seguridade Alimentaria
As outras liñas de formación incluídas no plan están relacionadas coa calidade e a seguridade alimentaria, no que tén que ver coa implantación do sistema de Análise de Perigos e Puntos Críticos de Control (APPCC), fundamental para cumprir coa normativa sanitaria e previr riscos para a saúde pública, e coa Lei de prevención de perdas e desperdicio alimentario aprobada no pasado mes de abril.
O obxectivo da formación é facilitarlles aos establecementos hostaleiros os recursos para aplicar estes sistemas de control de maneira eficiente, mellorando a calidade do servizo e contribuíndo tamén á súa sostibilidade. En canto aos desperdicios alimentarios, o programa axudará ao sector hostaleiro a cumprir a normativa que regula a correcta xestión dos excedentes, achegando aos e ás profesionais as estratexias de aproveitamento dos alimentos e asesorando sobre o tratamento adecuado para aqueles que non se consuman. Trátase de mostrar como aforrar custos, pero tamén como reducir o impacto ambiental da actividade hostaleira a través de prácticas máis responsables e sostibles.
Neste caso, o plan prevé un asesoramento individualizado adaptado ás características de cada establecemento e ofrecendo solucións personalizadas, de maneira que a formación realizarase ao longo de varias semanas, visitando cada local pra garantir a aprendizaxe e a correcta implantación das medidas oportunas.
O representante da empresa encargada da formación, Eduardo Troncoso, explicou que “é moi importante concienciar ao sector hostaleiro en materia de desperdicio alimentario, tanto por unha cuestión de sostibilidade ambiental como de economía dos propios negocios”. Nese sentido, apuntou que o sector hostaleiro debe “avanzar en cuestións como a reducción do consumo alimentario, a reutilización dos excedentes, e o aproveitamento do que non se poida reutilizar ben sexa para compostaxe ou ben para alimentación animal”.
Todas as actividades do plan de formación son de balde, e o prazo de inscrición está aberto ata o 7 de novembro a través deste formulario.
As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información a través do correo electrónico asociacion@hostalaria.gal ou no teléfono 881 947 223.